Volvemos a terras australianas para celebrar o Día das Letras deste ano traendo ao galego dous temazos de King Gizzard and The Lizard Wizard, unha banda de Melbourne á que seguimos e veneramos desde hai uns anos. Esta xente é flipante. Ademais de incriblemente prolíficos (levan 27 discos en 13 anos), son divertidos (véxase o mundo Gizzverse, ou o seu último vídeo), son valentes (danlle a todos os xéneros, o próximo que teñen previsto é con orquestra sinfónica, e en directo non repiten un setlist), son virtuosos (mesmo do canto difónico), son curiosos (fixéronse unhas guitarras microtonais para gravar varios discos, outros só levan sintes…), autoxestiónanse e autoprodúcense, a súa música está chea de enerxía e bo rollo e ademais parecen xente normal! 

Unha auténtica “hard working band”, como lles chamou Cheryl Waters a primeira vez que soubemos deles, en KEXP. Tamén os vimos en directo unha vez e nos primeiros dez segundos de concerto xa perdimos unhas gafas no medio dun pogo brutal dirixido por un tipo disfrazado de power ranger. Non entendemos moi ben como é que KGATLW seguen vivos, probablemente en realidade sexan algunha clase de profetas subatómicos ou enviados celestiais dos mundos catastróficos e reptilianos que anuncian nas súas cancións; nós case pedimos papas montando só estas dúas.

Os temas que escollimos son Converge, do seu disco metalero de 2023 PetroDragonic Apocalypse; or, Dawn of Eternal Night: An Annihilation of Planet Earth and the Beginning of Merciless Damnation e Crumbling Castle, de Polygondwanaland, un dos cinco (!) discos que sacaron no ano 2017.

As dúas cancións son apocalípticas, polirrítmicas e longas, pero cada unha do seu pau (e do seu pai/nai). Déronnos moito choito pero moito gusto tamén, non podía ser doutra forma! Viva King Gizzard!

 

 

Converge


Youtube | Descargar

 

Crumbling castle


Youtube | Descargar

 

Os vídeos fixémolos con filmes de arquive.org e co mapa petrográfico de Galicia de Guillermo Schulz.

Deixa un comentario

Créditos