Este ano para celebrar o día das letras galegas escollemos a un grupo que nos mola moito, Dead Can Dance. Un dúo medio australiano medio británico que enche as cancións de misticismo con percusións, salterios, idiomas inventados e voces poderosas. Versionamos e traducimos dous temas seus: Ullyses, do disco The Serpent’s Egg (1988) e How fortunate the man with none, de Into the Labyrinth (1993) -a letra deste último en inglés é unha tradución do poema de Bertol Bretch Die Ballade von den Prominenten.

As dúas cancións cántaas Brendan Perry na orixinal, o de versionar o canto de Lisa Gerrard queda para outra vida ;)

Coma sempre, fixemos uns vídeos para acompañar, están no YouTube:

 

Ullyses


Youtube | Descargar

 

How fortunate the man with none


Youtube | Descargar

p.d. 

Estreamos nova canle en YouTube, Repinaldos Sonoros, coa idea de ir colgando aí sesións en directo na lareira de Chamuín.

Comezamos con Tuuli Jartti, alias Dule. Non podía haber mellor madriña.

 

Tuuli trouxo a Chamuín a súa maxia este outono, nunha visita desde terras finesas. Vela e escoitala en directo é sempre unha marabilla, e tela gravado na nosa casa fainos moita ilusión. É unha das nosas artistas e amigas favoritas.

O primeiro disco de Dule, Corners of Existence, pódese escoitar no YouTube ou Spotify. Xa está traballando no segundo, que incluirá algúns dos temas que tocou nestes Repinaldos. Agardamos ansiosos por el.

 

Dule na lareira de Fununcan

A Kanfurneira e o sr. Charlón (aka Alex Chacón) viñeron cantar á nosa casa :)

 

Como xa fixeramos con Leonard Cohen no 2017, este ano aproveitamos o día das letras galegas para rendirlle homenaxe a outro dos nosos artistas favoritos, falecido hai uns meses: Mark Lanegan, unha das mellores voces que temos sentido -por sorte moitas veces en directo-, autor de letras tan terribles coma fermosas e cunha carreira chea de colaboracións. Versionamos e traducimos ao galego sete cancións.

Podes descargar un arquivo .zip con todos os temas ou velos no YouTube cunhas panorámicas limiñonitas de fondo:

 

Long gone day

Long gone day é un dos temas de Mad Season, un “supergrupo” formado nos 90 por Lanegan e outros membros da tropa grungeira daquela hora. Publicado en 1995 no disco Above e cantado a dúo xunta Lane Staley no orixinal.

Youtube | Descargar

 

 

One way street

Publicado en 1999 en Field Songs, un dos discos en solitario de Mark Lanegan. Axudounos a gravalo Iván Guanchankein cunhas guitarras.

Youtube | Descargar

 

 

Resurrection song

Resurrection song é outro dos temas do Field Songs, tremenda colección de temazos.

Youtube | Descargar

 

 

One hundred days

Incluído no disco Bubblegum, do ano 2004.

Youtube | Descargar

 

 

We die and see beauty reign

Durante varios anos Mark Lanegan colaborou coa escocesa Isobel Campbell, gravando e xirando xuntos. Esta canción tan delicada é do seu último disco xuntos, Hawk (2010). Aquí axudounos Debo cantando.

Youtube | Descargar

 

 

Flatlands

No 2013 Lanegan sacou Imitations, un disco no que versionaba tema doutros artistas. Unha desas cancións foi Flatlands, un tema orixinal de Chelsea Wolfe (Unknown rooms, a collection of acoustic songs, 2012).

Youtube | Descargar

 

 

Nocturne

Nocturne é dun dos últimos discos de Lanegan, Gargoyle (2017).

Youtube | Descargar

Portada do disco Amigha de Fununcan

Acabamos de colgar no Bandcamp o novo disco de Fununcan, titulado ‘Amigha’, con dez temas orixinais, todos gravados na lareira Chamuín ao longo de 2021. Coa estimada colaboración de Álex na Carreira en ‘As árbores cantan, as mortas tamén’, e a letra de Dostoievski en ‘Fiódor’.

:) :) :)

 

Este ano 2021 polo día das letras atrevímonos cunha canción persa para traela ao galego: Hezar Pareh, de Mehdi Aminian, o músico iraní que lidera o proxecto Roots Revival.

Se non nos enganamos coas traducións cruzadas, o tema de Mehdi Aminian está inspirado nunha melodía popular iraní coñecida como Chahar Pareh ( چهار پاره ) ou Chahar Bagh ( چهار باغ ), con letra de Hatef Esfahani, un poeta sufí do século XVIII. O tema orixinal (está colgado no YouTube, na versión do disco Quieter than silence ou en directo) soa con instrumentos tradicionais iranís: o tar (un cordófono desas latitudes), o laúd, o nei (unha frauta que se sopra incrustando o dente) e percusión. Nós fixemos o que puidemos coas guitarras eléctricas, a batería, o teclado… e o 7/8.

Axudounos Iván Guanchankein con algún guitarreo. No vídeo, un solpor de nadal do noso querido Chamuín.

Como todos os anos, celebramos o día das letras traducindo e adaptando algún temiña ao galego. Desta vez démoslle unha volta a unha canción tradicional armenia, Hov Arek (Հով արէք). Chegamos a esta peza da man de Komitas Vardapet, un músico e investigador armenio que viviu entre finais do século XIX e principios do XX e que se dedicou a recoller, documentar e divulgar a música da súa terra. A música de Komitas é unha marabilla, as melodías e harmonías van por camiños sorprendentes pero non tan lonxanos dos nosos ao final. E neste Hov Arek (‘vén, dáme alento’) ademais a letra é 100% fununcánida :)

No vídeo que acompaña a canción vese o monte Ararat. Aquí pódese ao propio Komitas cantando o Hov Arek nunha gravación de 1912.

 

Créditos